Moreira asegura ser "alleo" o conflito da paga extra e insta a Lores a pagar do seu peto "a desfeita que montou"
Por Redacción
Jacobo Moreira insiste en que el non ten nada que ver co conflito mantido entre a Avogacía do Estado e o Concello de Pontevedra polo complemento de produtividade cobrado polos traballadores municipais para compensar a perda da paga extra de 2012. Asegura ser "alleo" a todo o que ocorreu, e afirma que "pouco podo facer máis alá que confiar en que Lores consiga darlle a volta ao proceso en casación, o que francamente é moito confiar".
De aí que pedira aos funcionarios que "lean con moito detemento" a sentenza do TSXG que lles obriga a reembolsar ás arcas municipais os cartos cobrados. Aí comprobarán, sinala, que "deixa moi claro que a proba clave neste caso foron as declaracións públicas do alcalde sobre a súa posición insubmisa ante unha decisión do goberno central, matizando ademais que a adoptaba consciente das súas posibles consecuencias".
Esa é, di, a diferenza "moi evidente" entre Pontevedra e outras localidades que puideron buscar camiños distintos no marco desta controversia para compensar os seus traballadores a perda da paga extra, "pois só Miguel Anxo Fernández Lores saíu publicamente a proclamar que non ía cumprir a lei porque se declaraba insubmiso e el era así de chulo".
Por iso, insta a traballadores e sindicatos a "non entrar no xogo" do goberno municipal. "O xusto sería que reclamaran ao alcalde que pague el do seu peto a desfeita que montou coa extra, aínda que o fagan só dun xeito testemuñal", afirma o voceiro municipal do PP nun comunicado. "Fernández Lores utilizounos para atacar ao goberno de España e hoxe atópanse ante unha situación moi delicada; os traballadores municipais non merecían isto e agora terían que esixir explicacións ao único responsable deste enredo"
Moreira transmite ademais a súa total disposición a manter un encontro público cos sindicatos para analizar este asunto. Insiste, sen entrar nas consideracións xurídicas que moveron no seu día a Administración do Estado a levar aos tribunais ao Concello por este asunto, que é un caso "no que eu nunca estiven a pesar de que a Lores lle interese sinalarme como instigador".
Relacionadas:
-
Lores desvela que dúas sentenzas sen executar pesan sobre o soldo dos funcionarios municipais
Por Oskar Viéitez |
-
Xavier Vence visita Pontevedra para mostrar o apoio "incondicional" do BNG no asunto da 'paga extra'
Por Alejandro Espiño |
-
O PSOE critica a "incontinencia verbal" do alcalde en relación coa sentenza das "pagas extra"
Por Redacción |
-
Os sindicatos ven inxusta a sentenza das pagas extra e agardan non ter que devolver o diñeiro
Por Redacción |
-
O TSXG obriga a máis da metade dos funcionarios que cobraron a 'paga extra' a devolver os cartos
Por Alejandro Espiño |