Sanxenxo, capital da cervexa artesá galega durante toda a fin de semana
Por Redacción
Sanxenxo converteuse durante esta fin de semana na capital galega da cervexa artesanal. A Praza dos Barcos foi o escenario no que se desenvolveu a primeira edición da Feira da Cervexa Artesá que se organiza no municipio. Ata 80 tipos de cervexas diferentes puideron degustar os centos de asistentes que pasaron polos stands durante os tres días que estiveron instalados nas inmediacións do Porto Deportivo Juan Carlos I.
Moitas das cervexas que estaban dispoñibles para o seu consumo en Sanxenxo foran producidas en diferentes localidades galegas. Pero tamén houbo marcas procedentes doutras rexións como Cantabria ou Asturias.
En concreto, segundo sinalou a organización, participaron Saramagal (Barro), Menduiña (Cangas), Monterrei (Verín), Galponbier (Ribadumia), Suevia (Vilagarcía), Dama Alaricana (Allariz), Caleya (Asturias) e Dougall's (Cantabria).
A feira estivo organizada pola Asociación Galega de Cerveceros Artesanos, un colectivo que pretende dar a coñecer un produto artesanal por agora bastante descoñecido, segundo os seus impulsores, e afondar na cultura desta bebida.
Ademais das degustacións, a feira contou cunha serie de actividades paralelas como cursos, catas, actuacións musicais ou a entrega de premios ás mellores cervexas artesás.