Marín intensifica a roza do rural e a limpeza das rúas máis céntricas da vila
Por Redacción
Antes de que finalice este mes de xullo, o Concello de Marín espera ter completado o Plan de roza e limpeza das parroquias do rural. En concreto, a partir deste luns faranse os traballos que aínda están pendentes nos núcleos de Viñas Brancas, Bravos, A Laxe, Arealonga, Casal, As Pedreiras, Grela e A Bouza. Trátase duns traballos que se veñen desenvolvendo desde mediados de maio en todo o municipio.
O obxectivo deste plan é poñer a punto de cara ao verán todas as zonas próximas ás praias, prioritariamente os accesos, que son moi frecuentados nesta época. Ademais, búscase manter nun bo estado as vías e camiños polos que pasan todos os días os veciños para chegar ás súas casas. Para levalo a cabo cóntase con dous tractores de roza, un que pertence ao concello e outro contratado á empresa Inforural.
Para executar estes traballos, o goberno municipal de Marín conta con persoal contratado coa Fundación Juan XXIII e tamén a través do plan de emprego da Deputación provincial, que son os encargados de rozar e limpar os camiños e carreiros máis estreitos e que soen estar situados no interior dos núcleos rurais ou ben nos accesos ás praias.
Xa se ten actuado no vial de praias e os accesos a cada praia, a zona da Barriada de Mogor, os núcleos de Bagüin, Aguete, Montecelo, Bouzón, Loira, Moledo, Teoira, Casas, Lapamán, Resille, Cabodevila, Igrexario de Ardán, Os Picotes, Pastoriza, Malvido, Xuncal, Vilaseca, Xermade, Bexa, Soaxe, Seixo, O Con, A Torre, Igrexario de Santomé, O Coto, Allariz, Miñán, Troncosa, Esperela, O Pozo, Pereiro, Cadrelo, Fixón, Pardavila, Ruanova, Moreira, Cidrás, Porteliña, Sete Espadas, Cruceiro do Vento, A Costa, Currás, Ameal, Castro, Macenlle, A Roza, Carballal e Igrexario de San Xulián.
REFORZO DE LIMPEZA NO CASCO URBANO
Ademais, desde hai uns días está contratado o servizo de limpeza que actúa polas tardes e as fines de semana polas rúas máis céntricas da vila. Nestes espazos se desenvolven a maioría das actividades lúdicas e de lecer que están programadas durante o verán. Tamén están situadas nelas as zonas de terrazas e polo tanto están moi frecuentadas na maioría das horas do día.
Este servizo é fundamental, sinala o goberno municipal, para poder ofrecer unha boa imaxe en canto a limpeza, "algo que se está logrando con este traballo que se está facendo". Con todo, insisten en pedir a colaboración dos veciños para conseguilo, igual que no tocante ás praias do municipio, especialmente nestes meses de temporada alta para o turismo.