Restriccións nas rúas Alameda, Xeneral Martitegui e Jofre de Tenorio por mellora do asfaltado
Por Redacción
O Concello de Pontevedra inicia a vindeira semana os traballos de asfaltado e de eliminación de barreiras en distintas rúas do ámbito da Alameda e da praza de Concepción Arenal, tal e como anunciara o concelleiro de obras, Luís Bará. As pavimentacións faranse nas rúas Alameda, Martitegui e Xofre de Tenorio, que se atopan en bastante mal estado.
Os traballos comezarán este luns, a partir das 09.30 horas, coa pavimentación da rúa Alameda. Prolongaranse durante toda a xornada do martes, e afectará ao segundo tramo da rúa: entre Echegaray e a praza de España, en ambos sentidos.
O mércores e xoves farase a pavimentación da rúa Xeneral Martitegui. Está previsto a prohibición de estacionamento na rúa mentres se realicen os traballos.
O orzamento destas dúas pavimentacións é de 33.315 euros.
Tamén a partir do mércores está previsto que se inicien os traballos de eliminación de barreiras, mellora da accesibilidade e asfaltado da rúa Jofre de Tenorio. Farase unha renovación integral do pavimento, eliminaranse barreiras e mellorarase o entronque coa rúa Xan Guillerme.
Esta reforma ten un orzamento de 60.026 euros.