O Náutico acusa a SOS Panadeira de agredir un alumno da escola de vela e de ameazar a Pedro Campos
Por Redacción
O conflito entre o Náutico de Sanxenxo e a plataforma SOS Panadeira está lonxe de solucionarse. Tras un novo auto xudicial no que se desestima a paralización das obras dos novos peiraos, volvéronse producir episodios violentos e ameazas. ÿ o que denuncia o club, que acusa membros da asociación de agredir un neno das súas escolas de vela e de realizar pintadas e accións ameazantes contra Pedro Campos e a súa familia.
Estes feitos, cualificados polo Náutico como "moi graves", apóianse na presentación das correspondentes denuncias ante a Garda Civil de Sanxenxo. Entenden que con estas accións a plataforma cidadá "escalou un chanzo máis no seu clima de violencia, chegando a límites inadmisibles", segundo sinalan nun comunicado remitido aos medios de comunicación nas últimas horas.
Neste sentido, o pasado 14 de xuño, o pai do menor presuntamente agredido acudiu ao cuartel da Benemérita para denunciar que un membro de SOS Panadeira, ao que identifica con nomes e apelidos, empurrou e tirou ao chan ao seu fillo, de tan só 11 anos, cando este se dispoñía a baixar a súa embarcación á Praia dos Barcos, para o seu adestramento habitual. No incidente, o veleiro caeu ao chan sufrindo diversos danos, valorados en 300 euros.
Esta presunta agresión, pola que tamén presentou denuncia o xerente do propio Náutico de Sanxenxo, está a ser investigada polo Xulgado de Instrución número 2 de Cambados. A vista oral fixouse para o próximo 10 de setembro.
Ademais, o club asegura que esta mesma semana se pegaron por diferentes puntos do municipio unha serie de carteis con ameazas de morte contra Pedro Campos, presidente do Náutico de Sanxenxo, e da súa familia. Estas últimas accións, sinalan dende a xerencia, complétanse coa aparición de pintadas na caseta de mariñeiría que se instalou nos peiraos. Os danos foron valorados nuns 800 euros.
Á vista destas novas accións, que tamén foron denunciadas ante a Garda Civil, o Náutico de Sanxenxo espera que as "persoas relevantes" que no seu día asinaron a favor desta plataforma, "se retracten e condenen rotundamente as devanditas accións" e retiren a súa firma de apoio a estas reivindicacións.
BALIZADO DA PRAIA DOS BARCOS
Esta situación coincide co novo escrito que o concelleiro de Medio Ambiente, José Luis Rodríguez, remitiu a Portos de Galicia reiterando a necesidade de que o ente autonómico acometa o balizamento da Praia dos Barcos. Advirte que na lámina de auga dese areal se rexistran dous usos, o náutico e o turístico, que son incompatibles e que supoñen un risco permanente para a seguridade dos usuarios.
Relacionadas:
-
Unhas declaracións no programa de Mariló Montero levan a Pedro Campos a querelarse contra un voceiro de SOS Panadeira
Por Redacción |
-
A Policía Local de Sanxenxo retira as pancartas de SOS Panadeira
Por Redacción |
-
SOS Panadeira denuncia "novas irregularidades" nas obras do Náutico
Por Oskar Viéitez |
-
Retiran a demanda un día antes do xuízo contra tres integrantes de SOS Panadeira
Por Oskar Viéitez |
-
Máxima tensión entre o Náutico e SOS Panadeira tras arder un pilote dos novos pantaláns
Por Alejandro Espiño |