As cidades galegas e portuguesas do Eixo Atlántico promóvense como destino turístico conxunto
Por Natalia Puga
Expocidades, a Mostra de Turismo das Cidades do Eixo Atlántico, recalou este ano en Pontevedra co obxectivo de presentar os 40 concellos e cámaras de Galicia e Portugal integradas neste organismo como un destino turístico conxunto. A edición 2014 abriu as súas portas na praza de España cun lema que é xa toda unha declaración de intencións: 'Dous países, un destino'.
Na carpa que permanecerá aberta entre este luns e a tarde do domingo expoñen as súas ofertas e atractivos turísticos 27 destinos galegos e portugueses co obxectivo de presentarse como o plan perfecto para pasar un fin de semana ou un período vacacional. Ao mesmo tempo, dende a organización insístese na "oportunidade" que supón para todos eles encontrarse no mesmo eixo Norte-Sur do Eixo Atlántico de cara a coñecerse mutuamente e venderse de forma conxunta como destino global.
O presidente do Eixo Atlántico e alcalde da Coruña, Carlos Negreira, animou a todas as localidades e administracións a emprender un "labor de coñecemento mútuo" porque ao longo de todo o Eixo "hai moitas posibilidades de turismo" e é unha "grande oportunidade" que poidan "coñecer todos todas ás posibilidades que os municipios galegos e portugueses temos".
Ao respecto, o alcalde de Pontevedra e anfitrión, Miguel Anxo Fernández Lores, destacou que os municipios galegos e portugueses do Eixo teñen unha "alma común" e a concelleira de Promoción Económica e impulsora do evento, Carlota Román, insistiu na potencialidade de que todo o territorio integrado neste organismo abranga a un total de sete millóns de persoas.
A xornada inaugural incluiu un paseo en barco pola ría para as autoridades asistentes e, a última hora da tarde, programouse unha visita teatralizada polo Centro Histórico.
A feira tamén contará coa presenza de blogueiros e referentes no mundo do turismo e a hostalería nas Redes Sociais chegados dende diferentes puntos de España e promocionarase a través de Twitter cos hashtags #expocidades e #pontevedra.
Este sábado, como actividade complementaria, haberá tres showcookings no primeiro piso da Praza de Abastos a cargo de tres das cidades expositoras: Braga, Vilagarcía de Arousa e Lugo. Braga comezará, ás 11.00 horas, coa elaboración do seu doce máis típico, o 'Pudim Abade de Priscos', a cargo do cociñeiro Manuel Almeida. Ás 12.00 horas será a quenda de Vilagarcía de Arousa, que preparará Ameixas de Carril. Ás 13 horas o cociñeiro de Lugo Álvaro Villasante Armas elaborarará unha pescada do pincho ao pil pil con xeado de tomate.
A gastronomía e o folclore estarán tamén moi presentes no recinto de Expocidades. Haberá degustacións continuas dos viños da Ribeira Sacra (Monforte), viños e doces de Viana do Castelo; Vila do Conde ofrecerá pan doce; Gaia, viño do Porto, 'doce da romaría Velhotes' e broa de avintes; Braga, 'talassas', 'fidalguinhos' e viño verde, e, finalmente, Penafiel traerá os seus coñecidos 'bolinhos de amor'.