O dispositivo policial contra os roubos en Rebaixas dá os seus primeiros froitos e identifica dúas supostas ladroas
Por Redacción
A Policía Nacional puxo en marcha, un ano máis, un dispositivo policial especial para a prevención dos pequenos furtos durante o período de Rebaixas nos comercios de Pontevedra. Dous días despois da súa activación, deu os seus primeiros froitos e permitiu identificar as supostas autoras dun furto en dous locais do centro.
O operativo especial está integrado por axentes uniformados e de paisano e este mércores 2 de xullo (o dispositivo activouse o día 1) permitiu identificar dúas veciñas de Pontevedra de 25 e 19 anos.
Os feitos aconteceron sobre as 17.45 horas. As dúas mulleres logo identificadas supostamente substraeron varios produtos de alimentación dun supermercado do centro e saíron fuxindo, os responsables avisaron a Policía e realizouse unha batida polas inmediacións que permitiu localizalas nas inmediacións da rúa Juan Bautista Andrade.
Os axentes, tras identificalas comprobaron que tamén levaban varias pezas de roupa dun coñecido establecemento da zona comercial ás que arrancaran o dispositivo de alarma correspondente. Todo fora supostamente roubado e estaba valorado en 36,35 euros.
No marco deste operativo policial, dende a Comisaría recordan unha serie de consellos aos comerciantes e cidadáns para que intenten evitar ser vítima dalgún furto, roubo ou estafa aproveitando a época de rebaixas e as conseguintes aglomeracións.
Ademais, alertan da frecuente presenza en Pontevedra de grupos de mozos, normalmente mulleres que van de dúas en dúas, que se dedican a solicitar donativos destinados a supostas asociacións de todo tipo, dende discapacitados, nenos pobres, xordomudos, animais abandonados ou calquera outra. A Comisaría Provincial advirte aos cidadáns de Pontevedra e arredores que se trata dunha presunta estafa levada a cabo por estas persoas.
A Comisaría Provincial de Pontevedra faise eco das múltiples queixas de varios cidadáns que foron abordados en diferentes lugares da provincia e quere trasladar á poboación que se trata dunha asociación supostamente ficticia que só persegue o lucro persoal dos que solicitan os donativos ademais de aproveitar na maioría dos casos para, mentres un deles entretén á posible vítima o outro intenta subtraerlle a carteira.