A Xunta Local de Cambados confirma os bos resultados en materia de seguridade cidadá
Por Redacción
O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Antonio Coello Bufill, copresidiu, xunto co alcalde, Luis Aragunde Aragunde, a reunión da Xunta Local de Seguridade de Cambados, á que tamén asistiron representantes municipais, da Garda Civil, Policía Autonómica, Policía Local e o xefe da Unidade de Violencia de Xénero da Subdelegación do Goberno, María Paz Pérez Asorey.
Na reunión, Antonio Coello manifestou que, á vista da evolución delincuencial, o ano se está a desenvolver en parámetros normais cun descenso no número de delitos e faltas entre xaneiro e maio, e 2013 pechouse con bos datos. "A iso contribúe a magnífica relación de colaboración que existe entre a Garda Civil e a Policía Local de Cambados. Manteñen reunións periódicas e iso contribúe a mellorar a eficiencia".
Un exemplo desta cooperación será o dispositivo de seguridade que se poñerá en marcha na 'Festa do Viño Albariño', declarada de Interese Turístico Nacional, e que terá lugar na primeira semana de agosto. "ÿ unha cita multitudinaria que require a máxima coordinación para garantir a seguridade", engadiu o subdelegado do Goberno en Pontevedra.
Tamén se informou da evolución do Plan de Ocio 2014 e do Plan Director.
O primeiro está centrado no control de establecementos que poden dispensar bebidas alcohólicas a menores e o segundo está orientado a charlas informativas que se están a impartir nos centros de educación para previr o consumo de alcohol e drogas entre os mozos, así como fomentar un bo uso das novas tecnoloxías.