Piden que Pontevedra se declare cidade antitaurina e que se estude a expropiación do coso de San Roque
Por Alejandro Espiño
Que Pontevedra se declare como cidade antitaurina e amiga dos animais. ÿ a petición que reiteraron membros da plataforma cidadá Fora Touradas de Pontevedra, que entregaron este mércores no rexistro do Concello un escrito que recolle as súas demandas. Solicitan expresamente a implicación do goberno local para erradicar as touradas da cidade e que as súas actividades "vaian esmorecendo ata desaparecer".
Patricia Barcala, unha das integrantes deste colectivo, espera que o BNG de Pontevedra "sexa coherente" coa postura nacionalista no Parlamento, "que promove iniciativas abolicionistas".
En todo caso, saben que esta declaración non impedirán que se sigan organizando touradas na cidade "porque é unha actividade de empresarios privados", pero cren que dificultaría a súa celebración ao impedir, por exemplo, que se poida publicitar nas súas rúas e prazas.
Entre as súas peticións está tamén que se inicien os trámites para converter a praza de touros, pola vía da expropiación, "nun coliseo onde poder realizar actividades culturais e sociais"; e o cesamento da utilización do coso de San Roque para espectáculos da Feira Franca "polos beneficios que reporta aos empresarios donos do recinto".
Os promotores agardan que, desta vez, o goberno local de Pontevedra acceda ás súas reivindicacións, aínda que sospeitan que BNG e PSdeG-PSOE non as aceptarán porque "supoñemos que igual teñen medo de perder determinado tipo de votantes".