Piden que se atrase a Festa da Ameixa de Campelo ante a falta de produto
Por Redacción
A agrupación local de Compromiso Por Galicia ven de presentar no Concello de Poio un escrito instando á concellaría de festas que atrase a celebración da Festa da Ameixa de Campelo ante a falta de produto.
A Festa da Ameixa está prevista para os vindeiros 12 e 13 de xullo.
Esta festa naceu no ano 1988 por vontade dos veciños de Campelo co interese de promover o bo molusco da zona e aproveitar a actividade pesqueira do municipio, sendo por antigüidade unhas das festas gastronómicas máis importantes de Poio.
O portavoz local da agrupación, Cristóbal Mora, declarou que "é de coherencia e sentido común, paréceme unha burla e unha falta de respecto para os mariscadores e mariscadoras do noso municipio que viven do sector do mar, xa que, neste momento o marisqueo encóntrase parado".
Dende esta formación política sen representación na corporación municipal de Poio, entenden que "o correcto" sería atrasar a celebración de dita festa gastronómica "podendo así, ofertar o bo molusco que temos na nosa zona" xa que a decisión de manter as datas "non ten nin pes nin cabeza".
"Descoñecemos que ameixa teñen pensado vender, e a procedencia da mesma"
A agrupación galeguista, tamén asegura que "descoñecemos que ameixa teñen pensado vender, e a procedencia da mesma, pero o que estamos seguro, e que si o goberno municipal leva acabo a festa sen esperar a que o marisqueo volva a súa rutina de traballo, non será a da zona".
Finalmente Cristóbal Mora agarda que nos próximos días os diferentes colectivos veciñais e partido políticos se sumen a súa solicitude "polo ben da festa e de Poio" xa que reitera que é "unha solicitude de solidariedade e sentido común".