O Concello pide unha subvención á Xunta para contratar 12 parados
Por Redacción
O Concello de Pontevedra optou á última convocatoria de subvencións destinadas á colaboración coas entidades locais da Consellería de Traballo da Xunta de Galicia co obxectivo de lograr unha axuda para contratar a 12 traballadores entre persoas demandantes de emprego.
Segundo informou a Concellería de Promoción Económica, o Concello aspira a cubrir prazas de licenciados en Historia e Filoloxía Galega, diplomado en Turismo, titulados en Ciclo Superior de Animación Sociocultural e Ciclo Medio de Comercio e dous conserxes para colexios.
Estes sete empregos serían a xornada parcial por un período de seis meses e tamén se solicitou subvención para facer un contrato a xornada completa cunha duración de tres meses a un oficial e catro peóns de xardinería a xornada completa.
Pontevedra aspira a reforzar diferentes servizos municipais a través dunha subvención total de 65.700 euros. A Administración local tería que achegar outros 31.566 euros ata completar a totalidade dos custos laborais.