As "obsoletas" guías turísticas en papel, substituidas pola Internet como ferramenta de promoción?
Por Alejandro Espiño
A importancia de Internet á hora de promocionar o turismo queda de manifesto no I Congreso "Ponte na rede" que se celebra no Centro Social Novacaixagalicia de Pontevedra. Máis dun centenar de persoas participan nun evento no que se busca analizar a importancia que as redes sociais adquiriron en materia de promocións turística.
"Para mí es muy importante y espero que acabe siendo un referente en la ciudad de Pontevedra", destacou a concelleira de Promoción Económica, Carlota Román. Neste congreso, dirixido especialmente a profesionais do turismo, unha ducia de expertos en xestión turística e promoción das cidades a través da rede toman o micrófono para explicar as súas experiencias nesta materia.
Carlota Román destacou que as guías turísticas editadas en papel "quedaron obsoletas", polo que acentuou a importancia dun congreso que pretende ademais que os participantes "sean las voces que cuenten como es Pontevedra, que me ayuden a posicionarlo".
Tras recordar que a última campaña de promoción on-line, Pontevedra é un amor, lanzada o pasado verán, alcanzou os 40.000 visionados, a edil socialista instou aos empresarios do sector turístico e hostaleiro a asumir que este tipo de promoción polas redes sociais "es un herramienta que tienen que desarrollar y potenciar".
Nos dous días que dura este congreso, participarán nel, entre outros, o director do Elxe Convention Bureau, Raúl Sánchez Tarí, Clara Soler, blogueira e fundadora de "Turistícate", José Alcañiz, xerente de "Buscadestinos", Joaquín Esparza, director de "Even" e "Sensaciones a la carta", ou Diego Pons, blogueiro e viaxeiro que cobrou fama polo seu sitio web e canle de Youtube Viajando con Diego, onde contribúe a situar destinos desde unha perspectiva alternativa.