Concentración baixo teito dos xuices e fiscais pontevedreses
Por Natalia Puga
A Audiencia Provincial acolleu este venres unha concentración sen precedentes. Uns trinta xuíces, maxistrados e fiscais de todas as asociacións e profesionais independentes analizaron en conxunto a situación actual da Xustiza. A situación repetiuse en edificios xudiciais de toda España, pero en Pontevedra tivo outra peculiaridade fronte á tónica dominante: no resto de cidades, houbo unha concentración na rúa, eles tiveron que quedar baixo teito.
Os profesionais da Xustiza en Pontevedra coñecían a data da concentración dende hai uns días, pero son un colectivo tan pouco propicio a convocar protestas públicas que ata o último momento non se decataron de solicitar autorización á Subdelegación do Goberno para manifestaron na rúa. Ao non chegar a tempo para pedir permisos, decidiron concentrarse, pero de portas dentro.
A reunión estivo presidida polo presidente da Audiencia, Francisco Javier Menéndez Estébanez; o fiscal xefe, Juan Carlos Aladro; e representantes das asociacións profesionais convocantes, Asociación Profesional da Maxistratura (APM), a Asociación de Xuíces Francisco de Vitoria (AJFV), Xuíces para a Democracia(JD).
Entre todos acordaron un documento de mínimos común que queren elevar á cidadanía, de aí que a reunión fose aberta na súa integridade aos medios de comunicación. Queren manifestar que están "preocupados por prestar a los ciudadanos la Justicia de calidad que nuestro sistema constitucional exige".
"Lamentablemente, nunca se ha invertido dinero suficiente, pero ahora notamos más nuestras carencias"
"Hacen falta pocas palabras para explicar por qué estamos aquí", comezaba Menéndez Estébanez a súa alocución a unha trintena de compañeiros. Insistiu a continuación en que xuíces e fiscais son un colectivo "poco dado a las manifestaciones expresas de desacuerdo", a saír á rúa para manifestar as súas reivindicacións, de modo que no Ministerio de Xustiza e o Poder Executivo en xeral "habrá que reflexionar por qué lo hacemos".
Juan Carlos Aladro resumiu, ao termo da concentración, que o acordo de mínimos acordado reúne "reivindicaciones absolutamente sociales y relativas al funcionamiento de la administración de Justicia".
Referíronse todos os profesionais asistentes á recente Lei de Taxas Xudiciais e pediron "tasas más moderadas que no limiten el acceso a la justicia, circunstancia que no se contempla en la actual Ley, que las establece claramente desproporcionadas". Pero as súas reivindicacións foron máis alá, para pedir "una Justicia centrada en las personas, en la tutela efectiva de los derechos de los ciudadanos", que ven en perigo na actualidade.
Reclaman, neste sentido, a potenciación da estrutura e competencias do Consello Xeral do Poder Xudicial e o Consello Fiscal, o aumento da cantidade de xuíces e fiscais ou maior investimento en materia de Xustiza.
"Lamentablemente, nunca se ha invertido dinero suficiente, pero ahora notamos más nuestras carencias", indicou ao termo do acto o presidente da Audiencia. Un dos xuíces presentes mesmo alertou que as actuais políticas en material xudicial en España "nos llevan a nuevas promociones de jueces mileuristas y low-cost".