O hotel de Llanes cuxa propietaria despreciou o galego, premio Lingua de Trapo de Queremos Galego
Por Redacción
A filóloga Ana Acuña e os equipos de Dinamización e Normalización Lingüística dos colexios públicos do Concello de Marín son os galardoados na V edición dos Premios Lingua de ouro e Lingua de trapo que concede anualmente a asociación Queremos Galego Marín. Ambos recibirán o galardón positivo, o de ouro. A lingua de trapo nesta ocasión é para o Hotel Rural Arredondo de Llanes (Asturias).
Trátase, sinala a asociación, do establecemento hoteleiro no que a súa propietaria mostrou desprezo pola lingua galega, cando unha muller presentou no seu currículo como mérito o coñecemento do idioma galego. Esta asociación lamenta que "aínda existan actitudes negativas e prexuízos en contra das linguas minorizadas, como é o caso do galego".
Pola súa banda, Ana Acuña Trabazo é doutora en Filoloxía Galega e profesora na universidade de Vigo. Se lle concede o premio Lingua de Ouro polo seu labor científico-divulgativo do noso idioma. A maioría das súas investigación están centradas no exilio e na emigración, nas relacións entre a fraseoloxía e a literatura popular, na literatura popular de transmisión oral, na oratura, no feito literario alofónico e nos escritores pontevedreses ou vinculados á cidade de Pontevedra.
Na categoría de colectivos, o premio é para os equipos de Dinamización e Normalización Lingüística dos colexios públicos do concello de Marín, "pola súa dedicación e entusiasmo na difusión e valoración positiva da lingua galega tanto entre o alumnado como nas súas familias".
A entrega dos premios terá lugar durante o transcurso dun acto este venres 4 de xullo, a partir das 20:30 horas, na Biblioteca Pública Municipal.
Os Premios Lingua deste ano foron feitos polo membro da Asociación Queremos Galego Marín, o recoñecido escultor e profesor da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, Xoán Anleo.