Incertidume en Pontevedra, Raxó e Marín ante o resultado das eleccións ás confrarías
Por Redacción
Na maior parte do Salnés, os resultados do proceso electoral nas confrarías deixan claro o panorama que haberá na súa directiva os próximos catro anos. Todo o contrario ao que acontece nos pósitos do fondo da ría de Pontevedra. Moitos deles contarán con novos patróns maiores, debido a que os actuais decidiron non se presentar á reelección, aínda que aventurar os seus nomes se antolla unha tarefa farto complicada.
En Marín, Raxó e San Telmo, José Luis Santiago, Isaac Manuel Querejeta e María del Carmen Simón, respectivamente, non aspiraban a revalidar no posto, o que abre un escenario incerto. Nos tres coñeceranse este luns os nomes dos vogais elixidos para as súas xuntas xerais, o que podería botar certa luz sobre as persoas que poderían ser elixidas como patróns maiores.
No caso da confraría marinense non foron necesarias as eleccións, xa que os vogais a elixir (dez entre armadores e traballadores) coincidían co número de candidatos; mentres que na de San Telmo, a pesar de que María del Carmen Simón saíu elixida como un dos vogais, ela mesma expresou a súa vontade de non repetir no cargo. Por agora, descoñécese quen será a persoa ou persoas que dará un paso á fronte de entre os 22 novos vogais.
Pola súa banda, en Lourizán si aspira a repetir no cargo Mari Carmen Vázquez Nores, que logrou saír elixida como un dos 16 vogais da renovada xunta xeral, pero haberá que esperar para ver se continúa como patroa maior. O mesmo acontece con Mari Carmen Cortegoso en Vilaboa. Máis claro parece o futuro da confraría de Bueu, onde con toda seguridade repetirá José Manuel Rosas como patrón maior.