A Policía Local desmantela un foco de venda de drogas a escolares
Por Redacción
A Policía Local de Pontevedra procedeu á imputación de tres persoas durante o mes de xuño como presuntos autores dun delito contra a saúde pública na modalidade de tráfico de drogas.
Os operativos realizados polos axentes locais inclúense no programa de seguridade na contorna dos centros escolares e espazos públicos. Desta forma, o 9 de xuño observan a presenza dun mozo de 21 anos, coñecido por outras intervencións por tráfico de drogas, nas inmediacións da Praza de España. Lévase a cabo un seguimento e os axentes comproban que realiza un intercambio cunha moza. Na identificación, compróbase que o vendedor leva 440 euros en metálico e catro landras de haxíx cun peso de 19,89 gramos.
O 17 de xuño detectaban a presenza dunha persoa coñecida polos axentes por unha imputación anterior por tráfico de drogas nas inmediacións da rúa Castelao e observan como realiza a entrega dun paquete de haxíx a cambio de diñeiro. A policía identifica o vendedor como unha persoa de 57 anos de idade ao que se lle imputa a intervención de máis de 9 gramos e se lle detecta que leva 105 euros. Ao mesmo tempo presentan denuncia administrativa contra o comprador por tenza de drogas ao telo intervido 1,18 gramos de haxíx.
VENDA DE DROGAS A NENOS DE 12 ANOS
E a última intervención dentro deste operativo iniciárase en marzo pero é no mes de xuño cando se desmantela un foco de venda de drogas nas inmediacións de colexios públicos. A Policía inicia a intervención tras obter información sobre un mozo de 18 anos que abastece de substancias estupefacientes outros pequenos vendedores e consumidores de centros escolares da cidade.
A través dun dispositivo de vixilancia no domicilio do mozo comproban a presenza de numerosos menores de idade nas proximidades da súa vivenda, algúns deses menores con idades comprendidas entre os 12 e os 13 anos, segundo informa a Policía Local.
Durante a vixilancia, obsérvase durante unha xornada, a presenza de dous mozos en bicicleta duns 18 anos que se deteñen fronte ao portal e permanecen á espera mentres manipulan o teléfono móbil e contan diñeiro. A continuación chega outro grupo de catro rapaces de 15 anos que se sitúan no acceso ao garaxe do edificio do mozo sometido a vixilancia, mostrándose nerviosos. Dúas nenas e catro nenos de entre 12 e 13 anos tamén se achegan minutos despois e esperan fronte ao edificio do mozo. E finalmente achégase outro cuarto grupo doutros tres adolescentes. Ao pouco tempo sae o mozo da súa vivenda e vai atendendo a cada un dos grupos aos que, presuntamente, lles entrega marihuana e haxíx a cambio de diñeiro.
A Policía Local identificou os compradores e, a continuación, procedeu á imputación do mozo.