Acusan a Benito González de apropiarse "indebidamente" de máis de 103.000 euros
Por Alejandro Espiño
Fiscalía presentou unha querela criminal contra o patrón maior da confraría de Cambados, Benito González, por un presunto delito de malversación de caudais públicos. Acúsano de apropiarse indebidamente de máis de 103.000 euros, recibidos supostamente de forma fraudulenta, en concepto de retribución do seu cargo como presidente da Federación Galega de Confrarías de Pescadores.
A investigación parte dunha denuncia presentada hai un ano pola Asociación Galega de Mariscadoras (Agamar). Foi ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e nela achegábase unha copia das contas anuais da federación galega, co fin de demostrar a "autopercepción por parte do seu presidente da cantidade de 103.737 euros en concepto de retribucións".
Trátase, segundo Agamar, dunha remuneración "expresamente prohibida" pola normativa galega que regula as confrarías. Recordan a ausencia de lucro no desempeño dos cargos representativos destas entidades, "fóra do cobro de indemnizacións ou gastos concretos e detallados que deriven da súa actividade".
Ademais da denuncia, entregaron na Fiscalía gravacións de Benito González "efectuadas ante os socios da entidade nas que recoñecía dito actuar defraudador" así como "documentos demostrativos do presunto cobro indebido de contías económicas en prexuízo da entidade cambadesa, así como un extracto dunha conta bancaria, da que o mesmo era titular xunto coas outras dúas persoas, de importantes movementos dinerarios pertencentes á actividade da confraría de pescadores".
Agamar cualifica de "inaudito o silencio, a complicidade e a irresponsable permisividade manifestada durante estes anos pola Consellería do Mar"
Agamar recorda que xa solicitara á Consellería do Mar que investigase o caso, pero non obtiveron a resposta desexada. Por iso, tendo en conta que "teñen pleno coñecemento das contas", cualifican de "inaudito o silencio, a complicidade e a irresponsable permisividade manifestada durante lestes anos pola Consellería do Mar".
Por iso é polo que esta asociación de mariscadoras anuncia que se persoarán na causa criminal como acusación, sen descartar ampliar a denuncia "contra todos aqueles que foron coñecedores destes feitos e ou ben participaron directamente ou ben permitiron que sucedesen sen exercer as competencias administrativas que lles correspondían".
A Fiscalía presentou esta querela criminal ante o Xuzgado de Instrución número 1 de Santiago de Compostela.
Relacionadas:
-
As confrarías pontevedresas denuncian o "acoso e persecución" de Agamar a Benito González
Por Redacción |
-
Benito González di ter "fundadas sospeitas" de fraude en cursos de formación impartidos por Agamar
Por Redacción |
-
A Federación Galega de Confrarías estuda presentar unha denuncia por acoso contra Agamar
Por Diego Espiño |