Deixa aparcado o coche na rúa coa porta estragada e lévanlle seis portátiles e 12 móbiles
Por Natalia Puga
Deixar estacionado un coche na rúa leva consigo asumir uns riscos de que reciba algunha rabuñadura ou golpe. Pero se, ademais, se deixa coa porta estragada de tal forma que non se pecha correctamente o perigo é maior: pódente desvalixar. Isto pasoulle a un veciño de Pontevedra, leváronlle seis ordenadores portátiles, 12 teléfonos móbiles e dez cartóns de tabaco.
Unha imprudencia da persoa que o desvalixou permitiu que, polo menos, poida recuperar parte dos obxectos roubados. Acudiu a un establecemento Cash Converters a vender algúns dos móbiles e grazas á colaboración entre este establecemento de compravenda de obxectos usados e a Policía Nacional rematou en Comisaría.
A presunta autora do furto é unha veciña de Lalín de 47 anos que estaban a residir nunha pensión da rúa Santa Clara, xusto a mesma vía na que estaba estacionado o vehículo roubado. Xa tiña antecedenes policiais e o 20 de novembro volveu ser detida por delito de furto no interior dun vehículo. Tras prestar declaración ante o xuíz, quedou en liberdade con cargos.
Os feitos dos que se lle acusa remóntanse ao 15 de novembro. Un veciño de Pontevedra interpuxo unha denuncia na Comisaría da Policía Nacional na que contaba que deixara estacionado o seu vehículo na rúa Santa Clara e que unha das portas non pechaba correctamente, polo que lle subtraeron do interior do coche os ordenadores, teléfonos e tabaco que tiña.
Os investigadores descubriron que a agora detida vendera varios teléfonos móbiles e outros obxectos en establecementos de compravenda da cidade, constándolle varias vendas, motivo polo que continuaron coa investigación ao obxecto de intentar determinar a procedencia deses terminais.
Unha vez o propietario recoñeceu os teléfonos, os axentes procederon á súa intervención nos establecementos de compravenda e entregóullelos. A continuación, buscaron a presunta autora da subtracción, localizándoa na pensión.