A inestabilidade do tempo vai manterse no arranque do mes de xullo
Por Redacción
O tempo seguirá inestable durante os próximos días. Este sábado 28, Galicia está a ser atravesada por unha fronte fría e os ceos permanecerán anubrados, con chuvias localmente fortes que irán remitindo ao longo da tarde.
Segundo a información que facilita MeteoGalicia, durante o domingo a zona das Rías Baixas quedará nunha situación intermedia entre o anticiclón centrado en Azores e as borrascas que se trasladan polo norte. Os ceos manteranse anubrados coa posibilidade de que se vaian abrindo algúns claros durante a tarde.
As temperaturas mínimas sufrirán un descenso entre lixeiro e moderado mentres que as máximas apenas rexistrarán cambios. Desta forma, os valores continuarán sendo baixos para esta época do ano. O vento soprará frouxo de compoñente oeste.
Unha borrasca irase achegando a Galicia o luns 30 polo oeste e o tempo empeorará cara á noite. Durante a xornada irá aumentando progresivamente a presenza de nubes con chuvias que comezarán a últimas horas do día. As temperaturas manterase sen cambios significativos e os ventos soprarán de compoñente sur frouxos.
A entrada de xullo, o martes, non ofrecerá novidades. Continuarán as chuvias durante a mañá e a presenza de ceos anubrados durante todo o día. As temperaturas situaranse entre os 14 graos de mínima e os 22 de máxima. Segundo as previsións espérase que ao longo dos seguintes días da semana, se manteña a presenza de nubes e cun lixeiro aumento das temperaturas a medida que se vaia achegando a fin de semana chegando aos 25 graos.