La Taberna de Rotilio, Ollares da Ría, Mesón Xerfa e Bar Berberecho gañan 'Sanxenxo DEgusta TAPAS'
Por Redacción
A 'milhoja' afroitada de xamón de porco celta e foie do Mesón Xerfa e 'Galicia nunha cunca' do bar Berberecho foron, a xuízo do xurado profesional da V edición do concurso 'Sanxenxo DEgusta TAPAS', as mellores propostas servidas durante esta edición na categoría creativa e tradicional.
Rocío Garrido, do blog 'La cocina de mi abuelo' Eugenio García, de 'La cocina de lokos' Javier Oubiña, profesor de Restauración e Servizos; Kike Cerviño, de La Alacena Roja; Xosé Manuel García do programa de Radio Galega 'Come e fala' e Alberto Ribas de www.maisgrelos.blogspot.com, coincidiron ademais en outorgar unha mención especial ao Restaurante Sabino pola calidade na elaboración dos seus pratos, unha ensalada rusa e unha ensalada de lamprea afumada, que resultaron finalistas, no concurso.
O público votou maioritariamente polo coulant de polbo á feira de La Taberna de Rotilio no apartado creativo e polo solombo de porco con plátano, queixo de Arzúa e redución de mencía do restaurante Ollares da Ría, na categoría tradicional.
Nesta edición participaron 35 establecementos. que segundo a concelleira delegada desta área, Almudena Aguín, contribuíron "coa súa profesionalidade a confirmar de novo que a marca Sanxenxo é sinónimo de calidade". Durante este mes servíronse 15.000 tapas e xeráronse ingresos superiores a 70.000 euros.
'SANXENXO DEgusta DRINK'
A terceira edición do 'Sanxenxo DEgusta DRINK', o outro certame organizado polo Concello de Sanxenxo e o CETS, contou coa participación de 13 locais e os premios leváronllelos o Pub Horus Sanxenxo pola proposta sen alcohol 'Summertime' e o Augusta Spa Resort polo combinado 'Cóctel La Perla'. Pola súa banda, o público seleccionou as dúas propostas do Pub Horus Sanxenxo 'Summertime' e 'A Burra' como os mellores cócteles do concurso.
A alcaldesa de Sanxenxo, Catalina González, entregará os diplomas aos gañadores nos próximos días.