Viaqua habilita un teléfono gratuíto para resolver o problema das facturas devoltas aos seus abonados
Por Redacción
Viaqua, concesionaria do servizo municipal de abastecemento de auga, habilitou un teléfono gratuíto para axilizar a atención dos máis de 3.000 usuarios que, segundo os cálculos da empresa, se viron afectados pola devolución do seu recibo por parte das súas correspondentes entidades bancarias. Son, na súa maior parte, clientes que teñen as súas contas no Banco Popular, o Banco Pastor e Banesto, os tres incluídos en procesos de fusión ou absorción, o que os levou a cambiar o código de identificación do banco.
Esta circunstancia veu propiciada tamén por un erro no número do código IBAN, en vigor dende o pasado mes de febreiro. Sen este código, que engade catro díxitos aos 20 da conta corrente, non se pode realizar ningunha operación financeira, de cobramento ou de pagamento. ÿ unha das obrigas que se recollen na nova normativa SEPA, que regula as transaccións bancarias e que establece que todas as transferencias e débitos deben adecuarse a uns mesmos estándares.
Dende a empresa Viaqua aseguran que, prevendo que esta normativa puidese causar estes inconvenientes, tomou e está a executar todas as medidas necesarias ao seu alcance. Neste sentido, recorda que veu informando a todos os seus clientes mediante mensaxe nas facturas da necesidade de actualizar os seus datos bancarios, xa que son unicamente eles que poden rectificar, modificar e cancelar os datos de carácter persoal, asegurando a veracidade destes.
O teléfono gratuíto 900 201 230, atendido de luns a venres en horario de 8 a 21 horas
E no marco deste compromiso, Viaqua informa que para poder facer efectivo o pagamento dos recibos devoltos por estes bancos se activou o teléfono gratuíto 900 201 230, atendido de luns a venres en horario de 8 a 21 horas, onde os clientes poden comunicar o seu número de conta actual e solicitar que se emita de novo o seu recibo.
Ademais, este trámite pódese realizar tamén nas oficinas de atención ao cliente situadas na rúa Padre Sobreira, abertas de 9 a 13.30 horas, onde se habilitaron postos de atención exclusivos para axilizar a solución desta situación; ou a través da oficina virtual https://viaqua.aguasonline.es/inicio.
Con respecto a estes novos recibos, en ningún caso, sinala a empresa, nin o Concello de Pontevedra nin Viaqua cargará importe adicional algún a ningún cliente polo feito de emitirlle un novo recibo.
Viaqua asegura que lamenta os inconvintes que puidesen sufrir os seus abonados en Pontevedra e que traballa para dar solución no menor tempo posible aos clientes afectados. De feito, parte dos seus empregados nas oficinas da cidade que se encontraban gozando de días de descanso ou vacacións incorporáronse ao traballo para axilizar os trámites para normalizar a relación contractual con todos os afectados.