Aladro recibe a Cruz de San Raimundo de Peñafort denunciando o orzamento "miserable" da Fiscalía
Por Natalia Puga & Diego Torrado
Juan Carlos Aladro Fernández ingresou na carreira fiscal hai 25 anos e ocupa a Xefatura da Fiscalía Provincial de Pontevedra dende hai sete. Na súa carreira pasou polas fiscalías de Pontevedra, Tui, Cambados e Vigo, onde foi fiscal de área e se responsabilizou dos asuntos de Ordenación do Territorio, Medio Ambiente e Patrimonio Cultural. O seu currículo e traxectoria profesional valéronlle o máximo recoñecemento que pode recibir na súa profesión, a Cruz Distinguida de Primera Clase de la Orden de San Raimundo de Peñafort.
O recoñecemento impúxoselle este venres nun acto que encheu ata os topes o Salón Nobre da Audiencia Provincial de Pontevedra e contou coa presenza do fiscal xeral do Estado, Eduardo Torres-Dulce; o fiscal superior de Galicia, Carlos Varela; o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e unha ampla representación de fiscais de varias provincias galegas, maxistrados, funcionarios xudiciais e mandos da Policía ou a Garda Civil.
Sen esquecer a súa muller e as súas dúas fillas (sentadas, emocionadas, en segunda fila) nin a ningún dos presentes (a boa parte deles citounos un a un), compartiu o recoñecemento cos seus compañeiros na Fiscalía de Pontevedra e aproveitou o público entregado que escoitaba o seu discurso para elevar as súas reivindicacións para mellorar a profesión. A crítica xeral á escasa valoración que se dá á Fiscalía centrouse de forma particular na "parte miserable del presupuesto nacional" que recibe a Fiscalía e, en xeral, a Xustiza.
O "escaso presuposto" xéralles "dificultades", pero non evita o traballo "entregado" de todos os seus compañeiros, que conseguiu que "la Fiscalía ha sufrido un gran cambio en estos años". Ademais, defendeu o bo facer e comportamento do equipo e defendeu que "yo y mis compañeros siempre hemos sido independientes".
As últimas reformas lexislativas tamén mereceron as súas críticas. En declaracións aos medios ao termo do acto, indicou que a reforma da Lei Orgánica do Poder Xudicial "es una ley que nadie explica" e "no mira al territorio" e anunciou unha opinión desfavorable ao novo Código Penal: "nosotros también podremos criticarlo, no desde el punto de vista político sino, primordialmente, de lo que encontremos criticable desde lo puramente práctico".
Carlos Varela eloxiao: "uno de los fiscales que más se ha esforzado en la modernización de la Fiscalía Provincial"
Ao tempo que el compartía a Cruz de San Raimundo de Peñafort cos seus compañeiros, o resto das autoridades eloxiaron os seus méritos, que motivaron que a propia Xunta de Fiscais de Pontevedra propuxesen a concesión do recoñecemento con todos os votos a favor agás o do propio protagonista.
O fiscal superior de Galicia eloxiou que é "uno de los fiscales que más se ha esforzado en la modernización de la Fiscalía Provincial" e que, dende a súa chegada á Xefatura Provincial, conseguiu logros como a unificación do sistema de traballo, potenciar o teletraballo e o uso de videoconferencias e o incremento do uso das novas tecnoloxías, de forma que situaron a Pontevedra como "una de las fiscalías con mayor nivel de implantación de los sitemas informáticos".
O fiscal xeral do Estado tampouco escatimou en piropos e definiulle como "una gran persona y, sobre todo, gran fiscal" e eloxiou o seu "compromiso total" coa Administración de Xustiza e o "legado" que deixou nestes 25 anos de profesión, augurando máis éxitos e recoñecementos de cara ao futuro.