Imputan unha moza de 19 anos por simular que lle tiñan roubado un móbil de 800 euros
Por Redacción
Unha nova pontevedresa, de 19 anos, foi imputada como presunta autora dun delito de simulación de infracción penal tras poñer unha denuncia polo roubo dun móbil de 800 euros que, en realidade, esquecera nun avión.
Dende a Comisaría de Pontevedra indican que a moza se dirixiu o día 11 de xuño ata as dependencias policiais para denunciar que fora vítima dun roubo con intimidación. Relatou que o 10 de xuño cando camiñaba pola Estación de Chamartín nunha viaxe que realizara a Madrid fora abordada por un individuo que lle arrebatou o bolso en cuxo interior portaba o teléfono móbil valorado en 800 euros.
A partir desta denuncia, os axentes comezaron as investigacións. Días despois, a moza foi citada na Comisaría e rematou recoñecendo que presentara unha denuncia falsa. O teléfono esquecérao no interior do avión no que viaxara a Madrid.
Os axentes informárono de que ía ser imputada e que tería que comparecer ante a Autoridade Xudicial. A moza mostrouse sorprendida e declarou que descoñecía as consecuencias de ter presentado unha denuncia falsa.
Segundo indica a Policía Nacional, as causas máis frecuentes polas que se denuncia unha falsa infracción adoitan estar relacionadas coa denuncia ante o seguro correspondente e deste modo obter un beneficio económico, como sucedeu neste caso. Tamén se presentan estes casos para ocultar un alto gasto económico non xustificado ante un familia que non ten coñecemento desa compra, ou mesmo por unha simple broma ou por temor a reprimendas no caso dos menores de idade.