Ferido o condutor dun coche que impactou cun camión aparcado en Caldas
Por Redacción
Unha persoa resultou ferida este venres nun accidente de circulación rexistrado en Caldas cando, por motivos que se descoñecen, o turismo que conducía colisionaba cun camión que estaba estacionado ao bordo da calzada na estrada N-550.
O sinistro produciuse sobre as 17.45 horas á altura da parroquia de Carracedo, no límite entre os municipios de Caldas e Valga, e foi necesaria a presenza na zona dun helicóptero e unha ambulancia do 061 para atender o ferido.
O turismo no que circulaba o ferido se trasladaba en dirección a Caldas e, tras colidir co camión, quedou obstaculizando un carril de circulación. O camión sufriu danos na parte dianteira e o turismo no lateral do condutor e o parabrisas, que quedou esnaquizado.
O sinistro motivou o traslado ao lugar a efectivos das agrupacións de Protección Civil de Caldas e Cuntis, así como da Garda Civil de Tráfico e os Bombeiros do Salnés.