Comeza a campaña de verán na praia fluvial de Ponte Caldelas con calidade "excelente" das augas
Por Redacción
A praia fluvial da Calzada en Ponte Caldelas contará durante o mes de xullo e agosto cun posto de socorrista, encargado de velar pola seguridade dos usuarios. Durante estes días iniciouse a campaña estival, despois de que os operarios do Concello limpasen e acondicionasen a zona lúdica para a práctica de deportes, o parque infantil e o biosaudable.
O alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, mostrouse satisfeito polo resultado da analítica de augas practicada polo Programa de Vixilancia Sanitaria que realiza a Consellería de Sanidade que indica que a calidade das augas é "excelente". Dende o ano 2001 sempre obtiveron este calificativo e corrobora o seu bo estado.
Os resultados da analítica expóñense no taboleiro de anuncios situado na propio recinto para que sexan consultados polos usuarios. Renóvase cada 15 días e os resultados poden ser consultados a través da web da Consellería de Sanidade.
Esta praia encóntrase situada ao final de paseo fluvial e conta con aparcadoiro e espazos para o paseo, ademais de tratarse dunha zona habitual para a práctica da pesca deportiva.