Preto de 800 persoas participaron na terceira edición de PonteEmprego
Por Redacción
Tras dous días de actividade a terceira edición de PonteEmprego pechou as súas portas despois de que preto de 800 persoas se pasasen polo Pazo da Cultura.
Son os datos desvelados pola concellaría de Promoción Económica, responsable do evento, nunha edición coa que aseguran quedaron satisfeitos.
PonteEmprego celebrou máis de 25 actividades entre conferencias, mesas redondas, coloquios e obradoiros, ao que hai que sumar as 150 ofertas de traballo recibidas por diferentes empresas.
En total tomaron parte da programación 55 empresas, das cales 17 delas realizaron 85 entrevistas de selección a persoas que previamente remitira o seu currículo ás empresas a través de correo electrónico.
Ademais dos expositores instalados no Pazo da Cultura, nesta edición a feira de emprego pontevedresa ofertou 1.090 prazas de formación co obxectivo de "axudar os participantes a aumentar as súas competencias e cualificacións profesionais", co resultado de 858 persoas inscritas.
Nos talleres formativos asesorouse os demandantes de emprego en aspectos como aprender a redactar un currículo que cause impacto, ou o uso das novas canles de comunicación como plataforma para buscar traballo.