Medio milleiro de persoas maniféstanse contra os últimos peches de empresas na comarca de Pontevedra
Por Redacción
A preocupante situación de diversas empresas da bisbarra de Pontevedra provocaron que os sindicatos, CIG, CC.OO. e UGT, unísense nunha manifestación en Pontevedra para rexeitar as políticas neoliberais que, segundo os convocantes, desenvolve o Goberno Central e reclamar da Xunta de Galicia a defensa dos postos de traballo. Ao redor de cincocentas persoas asistiron á marcha que iniciouse na Praza da Ferrería e concluíu ante a Subdelegación do Goberno.
O peche de Montajes Novarue, o ERE extintivo ao que se encontran sometidos Tafisa e Construcciones Crespo e o preconcurso de acredores de Factoría Naval de Marín teñen como consecuencia que ao redor de douscentos traballadores se somen á lista do paro dentro da bisbarra de Pontevedra.
Dende os sindicatos culpan desta situación ás ordes que dita Europa e que son obedecidas pola Xunta de Galicia e polo Goberno de Mariano Rajoy, ao que tamén atribúen a destrución de postos de traballo no sector público. Traballadores das empresas afectadas acudiron a esta manifestación, mesmo os membros do comité de empresa de Tafisa que interromperon a ultima negociación coa dirección da empresa para asistir á marcha e retomar, durante a noite, a xuntanza para establecer as condicións do peche da fábrica de Ponte Caldelas.
Por este motivo, na lectura do manifesto co que finalizou esta manifestación que partiu da praza da Ferrería e percorreu o centro de Pontevedra ata chegar á Subdelegación do Goberno, fíxose fincapé na necesidade de mobilizarse contra a criminalización da protesta social.
Neste sentido, os representantes sindicais denunciaron a situación que atravesan as traballadoras Ana e Tamara, ao igual que Carlos e Serafín, condenados todos eles a tres anos de cárcere por formar parte dun piquete durante xornadas de folga. Dende as forzas sindicais tamén se convocaron marchas para o luns 30 de xuño en defensa das dúas mozas que, se non logran o indulto, terán que ingresar en prisión.
Os sindicatos tamén consideran que a Subdelegación do Goberno executa un plan represor dirixido a afogar o movemento social a base de multas e sancións.
O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, o responsable de formación y empleo en UGT Galicia, Domingo Barros e a concelleira do goberno local, Carme da Silva, acudiron a esta manifestación para reclamar a creación de emprego en Galicia e a defensa dos postos de traballo.
Relacionadas:
-
Concentracións sindicais contra as políticas de emprego e a reforma tributaria do Goberno
Por Redacción |
-
Que sucede dentro da nave de Tafisa?
Por Anxo Lourido |
-
Os sindicatos volven á rúa ante a preocupación polos últimos peches de empresas na comarca
Por Anxo Lourido |
-
Os traballadores de Tafisa trasladan as súas protestas ante a sede central do grupo Sonae
Por Redacción |