Masa Crítica, tres anos pedaleando para reivindicar o espazo dos ciclistas na calzada
Por Diego Torrado
Decenas de persoas subiron sobre dúas rodas este xoves e pedalearon polas rúas de Pontevedra para reivindicar o espazo dos ciclistas na calzada a través dun paseo pola cidade co que o colectivo Masa Crítica conmemorou o seu terceiro aniversario.
O paseo reivindicativo, ao que acudiron persoas de todas as idades, partiu ás 21.00 horas da praza da Peregrina para reclamar outro modelo de vida e de transporte e recordar a compañeiros que perderon durante os seus tres anos de vida, como é o caso de Lana Rocha, Víctor Loira ou Cristóbal Hermida, presidente do C.C. Bueu, que faleceu arrastrado por un camión nunha das vías de acceso a Marín a principios de 2013.
Durante estes tres anos de vida Masa Crítica recibiu do Concello de Pontevedra o Premio á Mobilidade Ciclista 2014 e conseguiron que numerosos veciños opten pola bicicleta para circular pola cidade, deixando os coches no garaxe e apostando pola súa saúde.