Comezan as obras en Ramallal para solucionar as inundacións que sofren as vivendas da zona
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas comezou a executar estes días as obras de reparación do Camiño do Ramallal, na parroquia de Forzáns, dentro do Plan de Obras da Deputación de Pontevedra, coas que se pretende poñer fin aos problemas de inundacións que sofren as vivendas da zona durante o inverno.
A acumulación de auga de chuvia neste lugar que fai que as vellas canalizacións existentes resulten insuficientes para evacuar a auga que procede da parte alta do barrio dos Hortos e monte adxacente.
As obras agora iniciadas teñen un orzamento de 36.235 euros, consideran a realización de traballos de corte do firme existente, escavación en gabia, colocación de pozos e reixas de fundición cruzando o camiño para a recollida de pluviais e a canalización da devandita auga por tubos enterrados de polietileno corrugado cun diámetro de 400 e 500 milímetros, debido á gran cantidade de auga que se recolle nesta zona cando chove.
A reposición do firme, unha vez finalizadas as obras, realizarase en formigón estando previsto que as obras conclúan durante o próximo mes de xullo.