Viaqua cifra en 3.600 os recibos da auga sen emitir por "problemas nos códigos de identificación dos bancos"
Por Redacción
Debido a problemas cos códigos de identificación dalgunhas entidades bancarias, a empresa Viaqua, concesionaria do servizo municipal de abastecemento de augas da cidade, viuse na obriga de informar por carta a uns 3.600 usuarios de que non puido emitir ou lle foi devolto o último recibo bimensual da auga.
O Concello puido comprobar que as entidades en cuestión son o Banco Popular, o Banco Pastor e Banesto, os tres incluídos en procesos de fusión ou absorción, que lles levou a cambiar o código de identificación do banco (BIC e SWIFT). Esta situación provocou que á hora de emitir os recibos non se identificase a entidade bancaria en cuestión, situación á que houbo que engadir a obriga dos usuarios de dar conta dos novos códigos IBAN das contas correntes para a xestión desas contas.
A variación de todos estes códigos produciu unha disfuncionalidade puntual e só nalgúns bancos, na emisión duns 3.600 recibos por parte da concesionaria de augas. Viaqua emite máis de 36.000 recibos bimensuais.
De todos os xeitos, a día de hoxe unha grande cantidade de afectados xa regularizaron a situación, que está correxida; e a todos aqueles que se vexan afectados por esta disfunción, o Concello recoméndalles que acudan ben á súa entidade bancaria ou ben ás oficinas de Viaqua, radicadas na rúa Padre Sobreira para solventalo.