20 mariscadoras dispútanse o sábado entrar na directiva da Confraría San Telmo
Por Redacción
Este sábado 28 de xuño celebraranse por primeira vez eleccións simultáneas en todas as confrarías de pescadores de Galicia para elixir os representantes do sector, entre elas a de San Telmo de Pontevedra. Nesta última agrupación, este ano haberá a particularidade de que se reduce o número de membros dos órganos de goberno: de 24 baixa 22.
Fontes da Confraría San Telmo explicaron que destes 22, a metade corresponde á Asociación de Traballadores (integrada por dez representantes do marisqueo a pé e un representante dos tripulantes) e a outra metade á Asociación de Empresarios (integrada por dez representantes -armadores- do marisqueo dende embarcación e un do sector de artes menores).
As votacións para un e outro sector realizaranse no colexio electoral fixado na propia sede do pósito en horario continuo de 10.00 a 20.00 horas, pero tan só será necesario que acudan a depositar o seu voto os representantes da asociación de traballadores, que deberán elixir entre 20 mariscadoras da pé a dez representantes para os órganos de goberno de San Telmo.
As candidaturas presentadas para as prazas de tripulante na Asociación de Traballadores e as da Asociación de Empresarios coinciden coas vacantes a cubrir, polo que nestes casos non é necesario votar e os candidatos son xa membros electos da directiva antes do sábado 28.
A actual patroa maior da confraría, María del Carmen Simón, repite entre os que se presentaron para formar parte da directiva. Unha vez coñecidos e aprobados os resultados das votacións, constituiranse a Xunta xeral e os órganos de goberno e, tras a súa toma de posesión, elixiranse os diferentes cargos e coñecerase se a actual patroa maior repite no cargo ou ten relevo.