Iniciativa política na defensa do coello de monte e da perdiz rubia
Por Redacción
O director xeral de Administración Local, Jose Alberto Pazos Couñago, e o presidente do Consorcio Local Conca do Lérez, José Balseiros Guinarte, asinaron este mércores en Cerdedo un convenio de colaboración para favorecer o establecemento dunha poboación estable e máis abundante do coello de monte (Oryctolagus cuniculus) e da perdiz rubia (Alectoris rufa); tal e como pediron os concellos de Cerdedo, Campo Lameiro e Cotobade, integrantes do Consorcio.
A través deste acordo, a Vicepresidencia da Xunta achegará á entidade local 45.000 euros para a execución do proxecto.
Para acadar este obxectivo, a través deste convenio realizaranse diversas actuacións, como poden ser a preparación do terreo coa realización de pequenas rozas de contorno irregular para aumentar a relación de contacto entre matogueira e as zonas de alimento ou a construción de tobeiras artificiais e cerramento interior e perimetral.
Así mesmo, tamén se levarán a cabo actuacións de acondicionamento do medio para a solta de exemplares das especies cinexéticas mencionadas, realizando traballos de cavadura de parcelas situadas en montes para a sementeira de trigo e centeo, co obxecto de proporcionar alimento e asegurar a viabilidade dos animais liberados.
O convenio financiase grazas ao Fondo de Compensación Ambiental, un recurso que a Xunta puxo en marcha en 2010, permitindo que por primeira vez os concellos se beneficiasen directamente da explotación de enerxía eólica en Galicia.