En liberdade con cargos o suposto autor do atropelo intencionado na Autovía do Salnés
Por Redacción
O suposto autor do atropelo intencionado acontecido o pasado domingo na estación de servizo da Autovía do Salnés quedou en liberdade con cargos. Así o decretou o Xulgado de Instrución número 3 de Cambados despois de tomarlle declaración este martes. Segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, imputóuselle, non obstante, un delito de lesións.
O mozo de 31 anos, natural de Cambados, entregouse o pasado luns á Garda Civil. Estábano a buscar despois de que a investigación policial apuntase que el podería ter sido o causante do atropelo que sufriu un mozo cando, minutos antes do as sete da mañá, abandonaba a cafetaría da estación de servizo da Autovía do Salnés, situada á altura do municipio pontevedrés de Meis, para dirixirse ao seu vehículo.
Tanto a vítima coma testemuñas presenciais do accidente sinalaron dende o primeiro momento que o suceso fora intencionado, xa que segundo as primeiras investigacións ambos os dous mozos terían mantido unha discusión antes do atropelo. Tras iso, o condutor do turismo fuxiu.
A vítima, un veciño de Meis de 33 anos, segue recuperándose das feridas. Segundo fontes médicas ten un par de costelas rotas e numerosos golpes propios dun atropelo como o sufrido, pero a súa vida non corre perigo.