O último xerente de Urbanismo de Sanxenxo, imputado por tráfico de influencias
Por Redacción
Dúas novas persoas foron imputadas na investigación por presuntas irregularidades urbanísticas en Sanxenxo que realiza o Xulgado de Instrución número 2 de Cambados. Trátase do último xerente de Urbanismo, Juan Lorenzo, ao que se lle imputa por suposto tráfico de influencias; e de Elena L.F., arquitecta dunha das sociedades investigadas, Caneleiro Investimento SL, por un delito contra a ordenación do territorio.
Con estas dúas novas imputacións elévanse a dezasete as persoas implicadas nesta investigación, entre elas a alcaldesa de Sanxenxo, Catalina González; Ángel Casal, ex concelleiro de Urbanismo da localidade; ou a secretaria xeral de Urbanismo da Xunta de Galicia, Encarnación Rivas. Xunto a eles, tamén están imputados arquitectos, técnicos e asesores varios. Tantos que o xuíz decidiu separar as causas.
En concreto, o titular do Xulgado de Instrución número 2 de Cambados, Juan Manuel Hermo, ordenou a práctica de novas dilixencias de investigación, así como a división do procedemento aberto ata agora nun total de cinco pezas separadas, unha por cada operación urbanística que está baixo sospeita por estas supostas irregularidades.
Segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, a causa orixinal é a relacionada coas edificacións das empresas Ferro Mesego C.B. e Promocións inmobiliarias Lucasor, SL, en Dorrón.
Das pezas separadas, a primeira corresponde aos bloques da rúa Progreso levantados por Balboa e Chan, SL, actuación que propicia agora a imputación de Juan Lorenzo; mentres que a segunda é a relativa á promoción na praia de Bascuas, que afecta a Caneleiro Investimento SL e que rematou por imputar á arquitecta Elena L.F.
A terceira destas pezas agora separadas é o referente á construción e reformas realizadas na vivenda particular do arquitecto técnico municipal, Pablo Guío del Amo; mentres que a cuarta investiga a legalización dunha construción levada a cabo por Alberta Rosalía A.M en Montalvo.
En relación a estas investigacións, o TSXG indica que pediron declarar o anterior xerente e arquitecto municipal Rafael Vázquez Abal e o arquitecto técnico Pablo Guío del Amo. Ningún dos dous respondera as preguntas do xuíz cando foron chamados por primeira vez. A declaración do primeiro está sinalada, en principio, para este xoves pola tarde.