Un erro no código IBAN provoca a devolución por non pagamento de numerosos recibos da auga
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
Numerosos pontevedreses recibiron nas súas casas unha carta certificada notificando o non pagamento do último recibo da auga. Esta circunstancia vén propiciada por un erro no número do código IBAN, en vigor dende o pasado mes de febreiro.
Sen este código, que engade catro díxitos aos 20 da conta corrente, non se pode realizar ningunha operación financeira, de cobramento ou de pagamento.
A gran maioría dos usuarios afectados son clientes do Banco Pastor que durante estes días peregrinan co seu recibo na man entre as oficinas de Viaqua e as da súa sucursal do agora Banco Popular.
Os afectados fan cola na rúa Padre Sobreira para poder entrar nas oficinas da empresa Viaqua, que xestiona o negocio de Aquagest. A explicación facilitada é que estes recibos domiciliados conteñen un erro no código IBAN que atribúen o banco. Igualmente dende a entidade financeira responsabilizan a concesionaria do servizo de auga na cidade de Pontevedra.
No medio deste peloteo centos de clientes pontevedreses que se ven obrigados a resolver un problema que non crearon e do que resultan prexudicados sen ter culpa ningunha.