Abanca ultima a súa 'posta de longo' en Pontevedra
Por Alejandro Espiño
Novagalicia Banco convértese en Abanca. Esa será a nova denominación comercial da entidade, hoxe propiedade do grupo venezolano Banesco. Tras desembolsar 1.003 millóns de euros ao FROB polo banco galego, os seus novos propietarios estiveron a deseñar as liñas estratéxicas que rexerán esta nova etapa. O primeiro paso é este cambio de marca que nos últimos días se estivo a realizar xa nalgunhas das súas máis de 640 oficinas.
Os preparativos para o cambio de denominación de Novagalicia Banco chegaron este luns a Pontevedra. Operarios contratados polo banco comezaron a retirar os actuais carteis identificativos para substituílos polos que, dende o próximo venres 27 de xuño, presidirán a fachada de todas as súas oficinas. Iso si, tapadas convintemente para tratar de manter en segredo o novo deseño corporativo.
Non así o nome, xa que nos carteis colocados xa na oficina central da rúa Augusto García Sánchez ou na de García Camba pódese intuír o nome de Abanca, xa que o plástico de cor branco colocado enriba, ata que o nome da nova entidade se faga oficial, deixa entrever perfectamente a marca elixida por Banesco para a etapa que se inicia agora no banco galego, que se integrará tamén co Banco Etcheverría.
Todos os detalles acerca de Abanca de Galicia ou Abanca Galega, dúas das denominacións rexistradas por NCG Banco nos últimos meses, coñeceranse este xoves, día no que está previsto un acto en Santiago de Compostela para presentar esta nova marca comercial. Será un acto no que participarán, entre outros, Javier Etcheverría, Juan Carlos Escotet e Francisco Botas; presidente, vicepresidente e conselleiro delegado da compañía.
Ademais, contará coa presenza do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e cun amplo número de representantes da vida social, económica, cultural e política da comunidade galega.
Durante esta semana, NCG Banco acelerará os trámites para borrar das súas sucursais todo rastro da corporación saínte.