O BNG demanda que se elimine o dobre sentido en Exército e Mariña
Por Redacción
O grupo municipal do BNG de Marín ven de presentar alegacións ao chamado proxecto para o Acondicionamento acceso principal á Praza de Abastos, despois de recoller as demandas dos praceiros.
O BNG demanda tamén que, durante o período que teñan lugar as obras, estas se realicen fóra do horario de funcionamento da Praza de Abastos para non entorpecer.
Transcorridos nove meses dende que o goberno local anunciara a súa intención de remodelar a entrada da Praza de Abastos de Marín "ninguén do goberno local se prestou a dar explicacións aos afectados máis directos que son os traballadores e traballadoras da Praza", afirma o concelleiro do BNG, Xosé María Vilaboa.
Tras dúas reunións celebradas na propia Praza de Abastos, o BNG puido recoller as dúbidas e propostas dos praceiros que agora se reflicten no documento de alegacións presentadas no rexistro municipal.
PRINCIPAIS DEMANDAS
O BNG demanda que se elimine de xeito definitivo o dobre sentido de circulación neste tramo da rúa Exército e Mariña, e que se delimiten as prazas de aparcamento. Tamén solicitan que se estude de novo o deseño para non perder estacionamentos.
Segundo explica Vilaboa Ramos, o proxecto que pretende o goberno local elimina o peirao da Praza e deseña un itinerario peonil pegado ao edificio que ao mesmo tempo será zona de carga e descarga, "sen especificar como se vai compatibilizar a actividade en horario de Praza coa circulación de peóns".
"Ademais delimítanse unhas prazas adaptadas á furgonetas e cinco metros de longo cando hai vehículos de tamaño moito maior que subministran mercadorías á Praza", engade.
Por iso os nacionalistas demandan que se redeseñe o proxecto de xeito que a esta zona de carga e descarga poidan acceder os distintos tipos de vehículos que dan servizo á Praza de Abastos, que se estableza un horario da zona de carga e descarga adaptado as súas necesidades, e que se recolla a incompatibilidade da zona de peirao co uso de itinerario peonil durante o horario de Praza.