Debut 2012. Un espectáculo visual
Por Alejandro Espiño
Foi unha noite "xeada". A colección de Laura Otero inspirada na historia de tres princesas siberianas atopadas conxeladas logrou convencer ao xurado de Debut 2012 liderado nesta sexta edición polo reputado deseñador Elio Berhanyer. Alzouse co primeiro premio da noite o que a converte na representante galega no Certame Nacional de Novos Deseñadores.
Laura Otero, unha das quince novas deseñadoras que participaron este ano en Debut 2012, confesou sentirse sorprendida polo premio e agradeceu ao xurado a confianza depositada. "Estou que non mo creo. Quedei xeada como as que inspiraron a miña colección", comentou a nova deseñadora tras recibir o galardón da man de Elio Berhanyer.
Otero presentou a colección Real belle dolls, que nace dunha historia de tres princesas de Siberia que sufriron un naufraxio e que foron atopadas nun bo estado de conservación pola conxelación que mantivo intacto "todo o preciosismo" que as envolvía.
A deseñadora plasmou este suceso na pasarela cunha proposta feminina de vestidos en tons claros adornados de bordados e flocos cunha patronaxe inspirada nos traxes da época dos zares romanov. O uso de seda, grandes tocados, encaixes, veos, flores artificiais foi frecuente en todos os seus estilismos que tamén foron ornamentados con estampados feitos a man.
Pola súa banda, Noemí López, que se alzou coa mención especial do xurado, mostrou unha "auténtica recreación" do ambiente africano e salvaxe tomando como punto de partida o descubrimento do nacemento do río Nilo nunha das expedicións polo continente. A estética dos safaris estivo presente en toda a súa colección, recorrendo a materiais como o lino e o algodón, a cores claras e pálidas con ornamentos e estampados tribais.
As demais propostas do alumnado de último curso tamén recibiron o recoñecemento e os aplausos do público. Entre elas foron comúns as alusións á música, ao cine, ao espectáculo, á literatura e ao exotismo doutras culturas, cunha gran variedade de cores e texturas, que ían dende materiais naturais ata o uso de composicións máis sintéticas e artificiais. O cosido a man, os grandes estampados, arriscados complementos plasmados en interminables tacóns ou en sombreiros inimaxinables tampouco faltaron, enchendo de maxestosidade unha noite na que a canteira de Esdemga brillou con luz propia.
Outras propostas
O certame contou con tres pases máis. O desfile comezou cunha selección de traballos de segundo curso, de carácter experimental, que homenaxearon á centenaria xoiaría Tiffanys presentando estilismos inspirados en ladróns de diamantes, en mineiros...Tamén houbo unha atención especial "para o típico vestido negro que todas temos de fondo de armario" que levou aos alumnos e a alumnas a presentar un pase moi heteroxéneo tematicamente, con referencias á Divina Comedia de Dante ou ás Teddy girls dos anos 50.
Pechou a noite unha colección da marca Poti Poti presentada por un dos seus creadores, Nando Cornejo, que deseñou ex profeso varios estilismos para a pasarela Debut. De xeito paralelo ao desfile tamén se celebrou unha exposición das mellores ilustracións e bosquexos feitos por alumnos e alumnas de Esdemga.
Relacionadas:
-
Preto de 70 modelos vestirán as coleccións dos 19 deseñadores de Debut 2013
Por Alejandro Espiño |
-
Búscanse modelos de pasarela para Debut 2013
Por Redacción |
-
Arranca o curso máis fashion do Campus
Por Oskar Viéitez |
-
A Escola de Deseño e Moda de Pontevedra conquista Madrid
Por Redacción |
-
Elio Berhanyer: "Xa quixera Cibeles ter o que vin en Pontevedra. Estou totalmente fascinado"
Por Alejandro Espiño |