BNG e PSOE celebran o "espírito construtivo" de María Biempica e o PP opta por ignorala
Por Redacción
O cambio de María Biempica a concelleira non adscrita, tras abandonar o grupo municipal do PP, abriu un novo escenario na corporación municipal. E no Pleno deste luns quedou en evidencia esta cuestión. BNG e PSOE celebraron o "espírito construtivo" das dúas mocións presentadas por ela, mentres que os seus ex compañeiros do Partido Popular optaron por ignorala no debate, se ben apoiaron cos seus votos unha das dúas propostas.
Na primeira das dúas mocións, María Biempica solicitaba que se axilice a instalación dun skatepark en Domingo Fontán. Está pendente un informe do Ministerio de Fomento que autorice dita instalación, de aí que a concelleira instase á Concellaría de Deportes a realizar as actuacións permitentes para obter o devandito permiso canto antes e habilitar así unha área que permita utilizar este espazo público "para el deporte y el sano esparcimiento".
Con respecto a esta petición o edil de Deportes, Agustín Fernández, sinalou que o proxecto cumpre cos requisitos necesarios para que Fomento o autorice e comprometeuse a tratar de axilizar estes trámites para que sexa unha realidade este mesmo ano. En todo caso, opta por non se precipitar xa que recordou que a proposta inicial era Mollabao, debaixo da ponte da AP-9, pero cando xa estaba licitada e adxudicada, un informe de Fomento paralizou o proxecto.
O PP non apoiou esta moción, entre outras cuestións, porque responsabilizou o goberno municipal de improvisación con este proxecto, ademais de asegurar que a "solución lóxica" para o skatepark sería situalo no futuro Centro Lúdico da Parda. A este respecto, María Biempica sinalou que este rexeitamento se debía a un "resentimiento personal" cara a ela e que non entendía a que viña agora "hablar de ponerlo en otra zona", ao haber un consenso previo.
A segunda das mocións presentada por María Biempica, a que foi destacada por Luis Bará por ese "espírito construtivo", era relativa á necesaria reforma que, na súa opinión, necesitan a coñecida como Fonte da Moureira e o ámbito das rúas Rúa do Ouro e Xan Guillerme. Denunciaba que non teñen beirarrúas e hai fochas na calzada, tendidos eléctricos e canalizacións sen as mínimas condicións de seguridade e zonas con silveiras.
O concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, que tamén celebrou a incorporación de Biempica ao debate de "asuntos sensatos", sinalou que esta proposta "ten interese" e mostrou a súa vontade de afrontar unha mellora desta zona en canto haxa financiamento. En todo caso, o goberno municipal sinalou que, en breve, se levará a cabo unha mellora do firme e eliminación de barreiras arquitectónicas en Xan Guillerme e Jofre de Tenorio.
Pola súa banda, dende as filas do Partido Popular, Pablo Fernández, sinalou que xa en 2011 o seu partido presentara un estudo sobre as necesidades de toda esta zona da cidade e solicitou que nesas futuras melloras se inclúan tamén as rúas Domingo de Andrade e Jofre de Tenorio. Tras unha breve exposición das deficiencias detectadas no devandito documento, anunciou o voto favorable do PP á moción da súa antiga compañeira. Ao igual que durante a outra moción, non houbo intercambio de debate con María Biempica.