Industria avala o Concello de Sanxenxo e denega o permiso para investigar na mina de Novo Boliche
Por Redacción
A xefatura territorial da Consellería de Industria da Xunta de Galicia denegou o permiso para investigar na mina de Novo Boliche, tal e como solicitara a empresa Incremento Grupo Investidor S.L.
Esta firma pretendía buscar estaño e wolframio para a súa posterior extracción nunha superficie de 25 cuadrículas mineiras situadas entre Montalvo e Aios.
A decisión foi recibida con satisfacción no goberno local de Sanxenxo, que se opuxera a este proxecto no seu momento alegando que a zona conta cun alto valor medio ambiental e paisaxístico e afectaría directamente a asentamentos urbanos e instalacións vinculadas co sector turístico "que constitúe a base económica do Concello".
Segundo o alegado pola administración local no ano 2012, o proxecto de investigación e posterior explotación da zona carecía dun estudo ambiental que reflectise como podía afectar á contorna, á paisaxe litoral ou aos recursos económicos.
Ademais Urbanismo matizara naquel momento que este tipo de instalacións non están permitidas polo Plan de Ordenación do Litoral.