Xa está aquí o verán: chega con temperaturas agradables, ceos cubertos e algo de chuvia
Por Redacción
Ás 12.51 horas deste sábado cambiamos de estación. Entramos por fin no verán. Serán case 94 días de período estival. Durará ata o 23 de setembro e segundo informou a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), será un verán "normal" para Galicia, que se caracterizará pola "maioría" de días soleados e secos e con temperaturas "máis frescas" que no resto da península.
"Falamos de normalidade para os tres meses, iso non quere dicir que veña un mes ou unha quincena mala e que se compense cun mes bo. A media é normal", sinalou hai uns días o delegado da AEMET para Galicia, Francisco Infante. En canto ás precipitacións tamén serán "normais", xa que non se aprecian tendencias significativas que fagan presaxiar un verán máis chuvioso do habitual.
Aínda que os primeiros días non se notará demasiado a entrada do verán. Segundo MeteoGalicia, este sábado os ceos estarán parcialmente cubertos, con chuvascos máis probables pola tarde, ocasionalmente tormentosos e acompañados de aparato eléctrico. Pola súa banda, as temperaturas mínimas non sufrirán cambios significativos, pero as máximas descenderán lixeiramente. En Pontevedra oscilará entre os 17 e os 23 graos.
Esta inestabilidade, sinala o organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente, manterase ao longo da próxima semana. Se ben, as temperaturas subirán a partir do mércores e a probabilidade de que se sigan producindo chuvascos ocasións irá diminuíndo co paso dos días.
En todo caso, MeteoGalicia destaca que é bastante probable que as chuvias embacen a celebración da tradicional noite de San Xoán, a primeira gran festa deste verán en toda a comunidade galega.