Simulacro de incendio no Centro de Terceira Idade de Marín
Por Redacción
Un incendio simulado na cociña do Centro da Terceira Idade de Marín utilizouse como foco de actuación para que as diferentes dotacións de emerxencias públicas realizasen unha comprobación do sistema de evacuación e da rapidez de resposta nunha situación problemática.
Inicialmente levouse a cabo o traslado de todos os residentes, ao redor de oitenta, e de todos os traballadores do centro situado na rúa Ezequiel Massoni. A partir dese momento, a Policía local de Marín regulou o tráfico na zona para permitir que a evacuación se realizase sen inconvenientes e preparar a chegada dos bombeiros do Morrazo.
No simulacro, os bombeiros tiveron que facer fronte ao incendio na cociña, á localización dun traballador desaparecido e dunha residente cunha crise de ansiedade que era evacuada a través dunha ambulancia do 061.
Durante unha hora desenvolveuse a actividade que provocou expectación na contorna do Centro e serviu para que os bombeiros puxeran en práctica protocolos internos de xestión en casos de emerxencias.