Luz verde do Consello de Ministros á remodelación da Praza de Abastos de Cambados
Por Redacción
Un convenio a tres bandas entre o Ministerio de Fomento, a Xunta de Galicia e o Concello de Cambados permitirá afrontar un dos proxectos máis ambiciosos que se executaron no municipio nos últimos anos. Trátase das obras de remodelación da Praza de Abastos e a Lonxa Vella de Cambados, onde se sitúan importantes edificios históricos e artísticos. Contan cun presuposto de 3,6 millóns de euros.
A autorización para a firma deste convenio deuna este venres o Consello de Ministros. O 60% deste diñeiro, un total de 2.160.000 euros, achegarao o Ministerio de Fomento; mentres que Xunta de Galicia (648.000 euros) e o Concello de Cambados (792.000 euros) completarán o financiamento.
A mellora das condicións da praza, cun edificio funcional e operativo, ampliará e modernizará os servizos, o que redundará en beneficio das 70 vendedoras e dos clientes que a elixen para as súas compras. Ademais, suporá un impulso para o sector do mar que vende unha alta porcentaxe das súas capturas na praza cambadesa.
Nas flamantes instalacións vai buscarse unha optimización das condicións de traballo, unha ampliación dos horarios, que inclúe a apertura polas tardes, e unha mellora significativa dos servizos, como espazos destinados á degustación de produtos, ou a ludoteca, a cal acollerá os nenos mentres pais e nais efectúan as compras.
Preténdese que sexa un edificio referencial, que poida servir como atractivo turístico nun ámbito moi fermoso pola proximidade do paseo marítimo. Para edificar a nova praza, van derrubarse os dous edificios posteriores, unha vivenda particular e a lonxa vella.
A redacción do proxecto, encargada hai uns meses por 72.000 euros, foi financiada pola Deputación de Pontevedra, a través dun convenio bilateral co concello.