Promoven a adopción de cans este sábado na Praza de Ourense
Por Redacción
Este sábado 21 pode ser un bo día para adoptar animais na praza de Ourense porque se celebra o Día da adopción entre as 11.00 e as 20.00 horas. Nesta xornada desenvólvese coa colaboración das asociacións e da protectora de animais que desenvolven os seus servizos no concello e que se encontran desbordadas pola gran cantidade de abandonos que se están a producir.
Os colectivos ' Os Palleiros', Adopcións Galicia e Difusión Felina encóntranse con estas datas cun incremento do número de animais abandonados no municipio. Por ese motivo ás 10.30 iniciaranse as actividades cun paseo podengo que se iniciará na Praza de España e percorrerá o casco histórico. Con este paseo, ' Os Palleiros' intentarán dar visibilidade á problemática que sofren os animais de caza, dos que moitos son abandonados cando deixan de ser útiles para este labor.
Ás 11.00, o concelleiro delegado de Sanidade Animal, Miguel Filgueira visitará a mesa informativa e o mercado benéfico para conseguir fondos para o mantemento das protectoras e dos coidados dos animais abandonados situados na Praza de Ourense. Con esta campaña preténdese concienciar a xente da responsabilidade que supón a adopción dun can ou dun gato.
As actividades continuarán o domingo 22 co paseo con cans pola Xunqueira de Alba, acompañados por un adestrador canino. O punto de encontro será nos arredores da imprenta da Deputación ás 9:30 horas.
O programa "Yes, we can" finalizará o domingo 29 de xuño, coa saída polo Pontillón do Castro. Para participar será necesario inscribirse no teléfono 986.80.43.00 extensión 7584.
Relacionadas:
-
Os Palleiros, Adopcións Galicia e Difusión Felina coinciencian aos pontevedreses sobre a adopción de animais
Por Diego Espiño |
-
Denuncian múltiples casos de abandono de cachorros e cadelas preñadas no rural pontevedrés
Por Redacción |
-
Os abandonos de cadelas con cachorros disparan a poboación do refuxio: 201 animais en cinco meses
Por Natalia Puga |