Felipe VI e a Raíña Letizia presidirán os actos do día do Carme en Marín
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Os novos reis de España, Felipe VI e Dona Letizia, acudirán á Escola Naval de Marín o próximo 16 de xullo, para presidir a entrega de reais despachos aos novos oficiais da Armada.
O delegado do Goberno en Galicia, Samuel Juárez, confirmou que os novos reis presidirán os actos o día do Carme, con ocasión do 25 aniversario da entrega do despacho a Felipe de Borbón como Alférez de Navío.
"Todos esperamos a visita a Galicia de Don Felipe e Dona Letizia", dixo Samuel Juárez. Será a primeira viaxe a terras galegas de Felipe de Borbón tras ser coroado como Rei. O ano pasado visitou Marín e Pontevedra en dúas ocaciones, para a entrega dos Reais Despachos na Escola Naval e, posteriormente, a unha cea privada que compartiu cos compañeiros da súa promoción.
PROCLAMACION COMO REI
Don Felipe de Borbón e Grecia é, dende este xoves, o novo Rei de España. Os actos organizados con motivo da súa proclamación comezaron ás nove e media da mañá no Palacio da Zarzuela. Alí Felipe VI recibiu de mans do seu pai, Don Juan Carlos, a faixa vermella que o converte en capitán xeral das Forzas Armadas españolas. Foi un acto breve e emotivo, que concluíu cun abrazo entre Don Juan Carlos e o novo monarca.
Posteriormente Felipe VI dirixiuse ao Congreso dos Deputados onde, tras ser recibido polo presidente do Goberno, Mariano Rajoy, xurou a Constitución española. Foi ás 10.48 horas e fíxoo sobre un facsímile dun exemplar histórico da Carta Magna de 1978, asinado polo seu pai, o Rei Juan Carlos, e os presidentes das Cámaras Constituíntes, Fernando Álvarez de Miranda y Torres e Antonio Fontán Pérez.
Tras soar o himno nacional, Felipe VI fixo o seu primeiro discurso oficial como Rei. Nel, asegurou que co seu reinado pretende ser un referente da exemplaridade de "con toda razón" demandan os cidadáns. O novo monarca manifestou a súa intención de gañar o "respecto e confianza" dos españois, para o cal asegurou que velará por "preservar o prestixio da institución cunha conduta íntegra, honesta e transparente".
Entre outras cuestións, Felipe VI sinalou que con el chega unha "monarquía renovada para un tempo novo" e aínda que avogou por manter a "fe na unidade de España", da que "a Coroa é símbolo", destacou que debe ser unha España "unida e diversa, pero non uniforme" na que "cabemos todos, caben todos os sentimentos e sensibilidades, caben todas as formas de sentirse español", insistindo en que esa diversidade "nos engrandece e nos debe fortalecer".
Neste punto, o Rei fixo referencia a escritores como Castelao, para reforzar o seu discurso de que "as linguas de España forman un patrimonio común que, tal e como establece a Constitución, debe ser obxecto de especial respecto e protección; pois as linguas constitúen as vías naturais de acceso ao coñecemento dos pobos e son á vez as pontes para o diálogo de todos os españois". Felipe VI finalizou o seu discurso cun "moitas grazas".
Ao rematar o discurso, que incluíu unha sentida homenaxe a Don Juan Carlos polo seu reinado "excepcional", presidiu o seu primeiro desfile militar dende as portas do Congreso. A continuación, tras percorrer en coche descuberto varias rúas do centro de Madrid, Felipe VI dirixiuse ao Pazo Real, onde acompañado de Dona Letizia, as súas fillas e os reis saíntes (os seis membros da nova Casa Real), realizou o tradicional saúdo dende o balcón.
Os actos de proclamación de Felipe VI concluíron cunha recepción no salón do trono do Pazo Real, á que acudiron uns 2.000 convidados. Segundo Casa Real, tratábase dunha "ampla representación" da sociedade civil española.