Multan unha parella pontevedresa por aparcar utilizando dúas tarxetas de discapacitados falsificadas
Por Oskar Viéitez
A Policía Local multou unha parella pontevedresa por aparcar utilizando dúas tarxetas de discapacitados falsificadas. Os axentes sospeitaban dende hai meses do uso que esta parella estaba a facer dunha mesma tarxeta para aparcar dous vehículos nestas prazas reservadas.
Estas tarxetas expídense de xeito persoal e individualizado, co nome do usuario e a súa fotografía por detrás, sen que o documento estea vinculado a ningún vehículo concreto. A súa falsificación é sinxela, mediante unha simple fotocopia a cor, mesmo baixándose de internet unha imaxe.
No mes de febreiro durante unha semana os axentes constataron como de xeito habitual os coches empregaban simultáneamente esta tarxeta nas rúas García Camba e Augusto González Besada. As tarxetas estaban colocadas de modo que non eran totalmente visibles para a súa identificación, tal e como esixe a normativa.
Nunha ocasión un destes vehículos foi parado pola Policía identificando a veciña de Pontevedra que o conducía que asegurou que a tarxeta era da súa parella e que a acababa de trasladar.
Nos meses seguintes os axentes municipais deixaron de ver polas rúas a un destes dous vehículos. Ata este mes de xullo cando se volve constatar a presenza destes.
A noite do 14 de xuño a grúa municipal procedeu á retirada destes dous vehículos por un uso indebido da tarxeta. Ao chegar a súa propietaria ao depósito municipal para recoller o coche requisáronselle as tarxetas comprobándose que eran dúas fotocopias dunha mesma autorización para os dous coches dunha tarxeta expedida no Concello de Brión.
Ademais do pagamento das grúas, con carácter retroactivo impónselles unha multa por cada un dos días nos que a Policía constatou que estaban estacionados os dous vehículos á vez nas distintas paradas.
Igualmente dende o Concello de Pontevedra dirixiranse ao Concello de Brión instando a apertura dun expediente informativo e suxerindo a retirada da tarxeta.
Relacionadas:
-
Denuncian un home que utilizaba a tarxeta da súa muller falecida para aparcar en prazas para discapacitados
Por Redacción |
-
Denunciada por aparcar en prazas para persoas con discapacidade usando a tarxeta da súa nai morta
Por Natalia Puga |
-
Aproban un plan para reordenar e mellorar a sinalización dos aparcamentos para discapacitados
Por Alejandro Espiño |
-
315 euros de sanción por aparcar reiteradamente nunha praza para discapacitados para ir a traballar
Por Diego Espiño |