"eMe eNe" unha tenda que é un agasallo
Por Mónica Patxot
A Asociación Virxe da O inaugurou este mércores a súa nova tenda na rúa Gutiérrez Mellado.
Trátase do Centro Especial de Emprego "eMe eNe" co que esta asociación prestadora de servizos ofrece unha saída laboral aos seus usuarios, persoas con discapacidade intelectual que encontran deste modo unha oportunidade para aplicar e reforzar as habilidades adquiridas.
A actividade de "eMe eNe" é a comercialización, rematado e personalización de pezas saídas do seu taller.
Durante a inauguración da tenda o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, valorou a gran calidade destes produtos artesanais únicos, de adorno e de regalo, elaborados con distintos materiais.
Os responsables de "eMe eNe" explicaron que o número de usuarios e a experiencia obtida nestes anos permitiu aumentar a calidade e cantidade de produtos.
Ademais dos traballadores, tamén son os beneficiarios deste proxecto os 30 usuarios do taller ocupacional onde se elaboran os artigos que se comercializan.
Con este centro de emprego preténdese completar o proceso persoal e social coa súa integración no mundo laboral. Por outra parte lograr o recoñecemento e valoración por parte da sociedade en xeral así como facilitarlles experiencias positivas e enriquecedoras que só a través da súa inserción socio laboral poden conseguir.