Un centro cívico social e cultural, proposta do BNG para o vello edificio da Xunta en Benito Corbal
Por Alejandro Espiño
Trala aposta por crear un macrocentro social na antiga residencia da ONCE, o Concello de Pontevedra puxo os seus ollos noutro edificio abandonado para facer o propio coa zona centro da cidade. Trátase da vella delegación da Xunta de Galicia, situada na céntrica rúa Benito Corbal, sen uso dende que hai cinco anos o goberno galego trasladara as súas dependencias ao novo edificio administrativo de Campolongo.
Segundo Luis Bará, trátase dun edificio que está nun estado "lamentable" pola súa falta de conservación, mantemento e limpeza e nel se aprecia, dixo, un "progresivo deterioro" que fai que o inmoble dea unha "imaxe negativa" da cidade. De aí que o BNG pensase nun uso alternativo para o edificio, que inicialmente a Xunta quería recualificar para construír unha promoción inmobiliaria.
Os nacionalistas presentarán unha moción ao próximo pleno da corporación municipal na que instan á Xunta de Galicia a axeitar o edificio, ante o "mal exemplo" que dá a administración autonómica "que lle di aos cidadáns que cumpran ás normas e eles teñen un edificio que é un exemplo de feísmo e abandono". Esixen que se fagan cargo de forma inmediata do seu mantemento e conservación.
Pero o BNG vai máis alá e quere darlle un uso cidadán a dito inmoble. De aí que inste o goberno de Núñez Feijóo a estudar a cesión deste a entidades culturais e sociais que necesiten espazo para desenvolver a súa actividade. Bará suxire mesmo un réxime de autoxestión por parte destes colectivos, seguindo o exemplo de centros culturais existentes noutras cidades españolas.
Podería ser un edificio, sinalou o edil nacionalista, que por amplitude (ten oito plantas e 5.802 metros cadrados construídos) podería ser utilizando por numerosas asociacións e ONG que traballan no ámbito social e da solidariedade, pero tamén por entidades culturais, xuvenís e outras asociacións de carácter histórico como o Ateneo, a Coral Polifónica ou o Cine Club Pontevedra, que teñen necesidade urxente de espazo.
Ademais, o grupo municipal do BNG entende que con esta cesión para usos sociais e culturais tamén se poderían aproveitar a sala de exposicións e o salón de actos que hai neste vello edificio para as actividades que poidan impulsar todas estas asociacións.
Relacionadas:
-
O Concello, á espera da autorización da Xunta á cesión do seu edificio en Benito Corbal
Por Alejandro Espiño |
-
Alfonso Rueda arrefría os plans do Concello para converter en viveiro de empresas a vella sede da Xunta en Benito Corbal
Por Oskar Viéitez |
-
Catro asociacións do ámbito da discapacidade 'capitanearán' o centro cívico de Pontevedra Sur
Por Alejandro Espiño |
-
As obras do centro cívico da zona sur concluirán no verán
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
A antiga residencia da ONCE reconverterase no "gran centro cívico da Pontevedra Sur"
Por Alejandro Espiño |