Retiran unha colmea da rúa Antón Fraguas ante a alerta veciñal
Por Mónica Patxot
As abellas seguen creando enxames en distintos puntos da cidade. Se hai unhas datas era necesaria a intervención de apicultores e bombeiros para retirar unha colmea da Praza da Verdura durante a xornada deste martes, de novo unha dotación dos bombeiros e un apicultor tiveron que trasladarse ata a rúa Antón Fraguas alertados polos veciños asustados pola presenza das abellas.
Os bombeiros tiveron que empregar o brazo articulado dun dos seus camións para acceder á zona na que se encontraba a colmea. Foi necesario cortar o tráfico na rúa, segundo informaron os bombeiros do parque municipal, durante unha hora mentres o apicultor retirou o enxame, que se encontraba próximo á vivenda dunha veciña que non se decatara da presenza das abellas.
Segundo afirmaba o apicultor, a retirada do enxame ao mediodía supón un problema porque as abellas se encontran recollendo e, ao longo do día, retornarán a esa mesma zona. Por iso, aconsellaba que nestes casos a retirada se realice durante as noites, que é o momento en que todos estes insectos se recollen.