A Garda Civil decomisa 460 quilos de ameixa xapónica en Sanxenxo
Por Redacción
Axentes da Garda Civil do posto de Sanxenxo, en colaboración con integrantes do servizo de Gardacostas de Galicia, dependente da Consellería do Mar, comisaron 460 quilos de ameixa xapónica, distribuída en 23 sacos de 20 quilos cada un, cando eran transportados esta mañá do luns 16 de xuño por un vehículo á altura da glorieta de Vinquiño en Sanxenxo.
A mercadoría foi requisada porque non se encontraba debidamente documentada e parte dela non respectaba o talle regulamentario. O operativo, organizado pola Garda Civil, actuaba ás 8:15 cando tres axentes detiñan a furgoneta que transportaba o marisco.
A mercadoría foi trasladada ás instalacións do Instituto Galego de Formación en Acuicultura (IGAFA) na Illa de Arousa coa intención de conservar a ameixa comisada e analizala para comprobar se pode ser resementada nalgunha praia.
Este operativo forma parte dos traballos de control que se acomete durante a baixamar nas praias, na comercialización e transporte e nos portos e nas estradas da provincia.
Dende a Consellería do Mar recórdase aos consumidores que este marisco comercializado de forma ilegal pode supoñer un risco para a saúde ao non pasar ningún tipo de control que o avale para o consumo.